Friday 03 de May de 2024

O Servizo de Igualdade renóvase para seguir loitando contra as discriminacións


Conseguir o grao máximo de igualdade entre todas as persoas que viven e traballan en Oleiros é o obxectivo do Plan de Igualdade Municipal, que vén de renovar o SATICO (Servizo de asistencia Técnica en Igualdade) para loitar contra as posibles discriminacións das persoas en función do xénero ou calquera outra circunstancia.

O servizo creouse para desenvolver campañas de sensibilización e concienciación, elaborar recursos prácticos e demais ferramentas para incorporar dun xeito transversal en todo o Concello a perspectiva de xénero, o principio de igualdade de trato e oportunidades e a loita contra todo tipo de violencia de xénero e cara ao colectivo LGTBIQA+.

O servizo ten carácter aberto e participativo, de asesoramento e sensibilización dirixido a toda a cidadanía, para dar resposta a calquera dúbida, necesidade ou problemática detectada neste eido. Busca traballar tanto coas persoas a título individual como cos e coas profesionais das diferentes áreas presentes no municipio, colectivos, asociacións e entidades asociativas, empresas, centros de ensino, clubs deportivos e demais axentes sociais, culturais, educativos, políticos e empresariais.

Este servizo público municipal presta apoio e asesoramento no deseño, planificación e implementación de medidas, elaboración de propostas, solicitude de subvencións, corrección de desigualdades, desenvolvemento e emprego de ferramentas como a recollida de datos desagregados, o emprego inclusivo e non sexista da linguaxe, o tratamento da imaxe etc., así como calquera outra cuestión en materia de xénero e igualdade.